Vans: da fábrica de barrio á icona global do marketing auténtico

Poucas persoas saben o que fixo unha marca como Vans para chegar a onde está a día de hoxe. Esta empresa naceu nun pequeno taller familiar de California e converteuse nun símbolo universal de liberdade, rebeldía e creatividade xuvenil. Pero detrás desa imaxe tan espontánea e informal agóchase unha historia de visión empresarial e unha estratexia de marketing que, sen sabelo, foi pioneira no seu tempo.

No 1966, Paul Van Doren (de aí o nome de Vans) e tres socios abriron a súa propia tenda, onde fabricaban eles mesmos as zapatillas e as vendían directamente aos clientes sen ningún tipo de intermediario.

As zapatillas ao principio non custaban os prezos de agora; a día de hoxe estes prezos resultarían incríbles, xa que o prezo nos seus inicios dise que era de 2,49 e 4,99 dólares. Como curiosidade, dise que o dono non tiña solto para darlle o cambio aos clientes, pero este, en vez de deixalos sen o produto, dicíalles que o levasen e que volvesen ao día seguinte para pagalo, e ao parecer, segundo se di, a xente pagaba.

Outra das curiosidades dos inicios desta marca é que o marketing da empresa eran as experiencias, e estas consistían en ofrecer os produtos totalmente personalizados. Antes da personalización en liña de Nike, calquera podía mercar unhas Vans e especificar como quería que fosen exactamente, aceptando calquera tipo de combinación e, incluso, se levabas a túa propia tea, implementábana na túa zapatilla. E, por se fora pouco, estes procesos facíanse no propio día, polo tanto podías ter un produto personalizado en menos dun día. Polo que estas dúas medidas facían que o consumidor sentise que tiña un produto totalmente exclusivo e, ademais, non debía esperar unha eternidade por el.

Nos anos 70, os skaters descubriron que a sola waffle das Vans ofrecía unha adherencia á táboa incomparable. Polo que fixo que, sen unha campaña de marketing programada, os propios skaters fosen os embaixadores da marca. Ademais de aproveitar que a comunidade falase pola marca, o que fixeron foi apoiar a deportistas, escoitando as súas recomendacións e facendo colaboracións. A partir de entón, Vans deixaría de ser unha marca de calzado para transformarse nun símbolo de identidade cultural. O seu lema, Off the Wall (fóra do común), sintetizaba perfectamente ese espírito rebelde e creativo.

A historia de Vans é moito máis ca unha simple cronoloxía empresarial. É un relato sobre como a intuición, a autenticidade e o vínculo humano poden converterse nas ferramentas máis poderosas do marketing.
Os irmáns Van Doren non sabían que estaban a escribir unha das páxinas máis inspiradoras da historia comercial moderna —pero fixérono, e con estilo.

Referencias:

Semmelhack, E. (2015). Sneakers: Over 300 Classics from Rare Vintage to the Latest Kicks. Thames & Hudson.

Vans. (s. f.). Off The Wall desde 1966. La historia de Vans. Recuperado de https://www.vans.com/es-es/since-66

Deixa un comentario